O lamigueiro[2] (Populus nigra), tamén coñecido como chopo negro[3][4][5] ou álamo negro[4][5][6], é unha especie de árbore de ribeira pertencente á familia das salicáceas. Especie mediterránea común nos ríos da Península Ibérica, común en grandes plantacións no centro de España para produción de madeira. En Galiza non aparece de xeito espontáneo, plantándose ás veces nos concellos máis meridionais preto dos ríos con fins madeireiros ou ornamentais, especialmente en obras públicas, alamedas e beirarrúas das vilas.
O termo galego lamigueiro fai referencia á preferencia das especies a medrar en solos húmidos, brañas ou lameiros. Precisamente o nome viría de lama, termo de orixe celta co mesmo significado ca barro ou lodo.[7]
É unha árbore de folla caediza que acada de 20 a 30 m de altura, aínda que en ocasións pode superar esta altura. Sistema radical formado por un eixo principal forte e fondo e unha maioría de raíces superficiais e estendidas. Toro xeralmente dereito, de casca cinsenta que logo racha en sentido lonxitudinal, formándose entre as fendas unhas costelas negrexadas, que dan o nome á especie. A copa é ampla, polo xeral pouco mesta, aínda que máis cá do chopo prateado (Populus alba) e do álamo tremo (Populus tremula). As follas teñen un pecíolo de 2 a 6 cm de lonxitude, lateralmente comprimido e con frecuencia viloso. O limbo é aveludado ao agromar, mais logo perde o pelo e tórnase verde polas dúas faces, de forma ovada-triangular oo ovada-rómbica, acuminadas, festonado-serradas. As candeas precoces aparecen antes que as follas, nos meses de febreiro e marzo. O froito é en cápsula con sementes pardas envoltas en abundante peluxe branca. Diseminación en abril e maio.
Esténdese polo sur, centro e leste de Europa, centro e oeste de Asia (até o centro de Siberia) e norte de África. Atópase cultivado en Escandinavia. En Galiza non é moi común, sendo cultivado nalgúns ríos meridionais. Con todo tense naturalizado nalgunhas zonas, como na praia do Vao en Vigo, pola súa capacidade de adaptación á influencia do mar.
Ao terse cultivado e espallado dende a antigüidade non é doado precisar a súa área de orixe, porén non resulta aventurado situalo entre Asia occidental e Europa oriental.
En América do Sur, atopamos cultivada a variedade Populus nigra L. var. italica en Chile e na Arxentina.
Nas formacións de ribeira mestúrase con especies de semellantes preferencias, como salgueiros, chopos prateados, freixos, umeiros etc. En amplas zonas do cordal ibérico Populus nigra aparece formando bosques de galería con exemplares vellos, os chamados "chopos cabeceiros". Resultado dunha antiga actividade agroforestal, estes chopos son árbores demoucadas cuxas pólas, rectas e altas, eran empregadas para trabes na construción, entre outros usos. Hoxe en día corren un serio perigo de desaparecer fundamentalmente por mor do abandono desta actividade.[8] Ten gran capacidade de adaptación á influencia do mar.
O lamigueiro cultívase pola súa madeira branda, porosa, lixeira e fráxil, apta para a carpintaría lixeira de pouca resistencia, fabricación de caixas para a froita, e para construción sempre que non teña que aturar grandes cargas. É unha boa madeira para a fabricación de pasta de celulosa. A actividade do cultivo dos chopos denomínase populicultura. A leña que proporciona é de escasa calidade. As follas constitúen unha boa forraxe, tense utilizado como recurso invernal. O outro uso é ornamental, principalmente coma árbore de sombra. Plántase en Galiza en alamedas e parques urbanos, así coma nos xardíns das autovías, pola súa resistencia e rápido crecemento. Ultimamente limítase o seu uso pola gran cantidade de peluxe primaveral que bota. Coma uso medicinal, a casca contén salicina e taninos, polo que se utilizou coma curtidor.
É practicamente indiferente en canto a solos, porén rexeita os excesivamente salinos. Cómpre de humidade no solo con renovo de auga, polo que adoita situarse na beira de cursos superficiais ou sobre correntes subterráneas pouco fondas. É bastante esixente en principios nutritivos e en canto á luz, non atura ben a cuberta.
Hai tres subespecies, algúns botánicos distinguen unha cuarta:[9][10]
A subespecie betulifolia é unha das árbores máis infrecuentes en Gran Bretaña e Irlanda,[13][14] con só arredor de 7.000 exemplares coñecidos, dos que só 600 se teñen confirmado que son femininos.[15]
Téñense seleccionado tamén varios cultivares, que se espallan por estacas:
Salgueiro rubio, salgueira brava, olmo, limigueiro, lamigueiro, lameira, lamagueiro, lagumeiro, lagomeiro, lagameiro, chopo do país, chopo blanco, chopo, choplo, bido, álemo, álamo.[19]
O lamigueiro (Populus nigra), tamén coñecido como chopo negro ou álamo negro, é unha especie de árbore de ribeira pertencente á familia das salicáceas. Especie mediterránea común nos ríos da Península Ibérica, común en grandes plantacións no centro de España para produción de madeira. En Galiza non aparece de xeito espontáneo, plantándose ás veces nos concellos máis meridionais preto dos ríos con fins madeireiros ou ornamentais, especialmente en obras públicas, alamedas e beirarrúas das vilas.