Rana draytonii é unha especie de ra que se encontra en California (EUA) e norte de Baixa California (México). Anteriormente era considerada unha subespecie da Rana aurora e recibía o nome de Rana aurora draytonii, pero posterioremnte foi separada na súa especie propia.[2] A IUCN considéraa unha especie vulnerable e está na lista federal de especies ameazadas de Estados Unidos, onde está protexida pola lei.[1][3]
Vive en Califorma e no extremo norte de Baixa California ao noroeste de México.[1] Onde máis abunda é o longo das cadeas montañosas costerias de California do norte e sur, e en áreas illadas das ladeiras de Sierra Nevada.[1] As poboacións californianas máis ao sur actuais son as da Chaira de Santa Rosa no condado de Riverside, e as da Reserva de Espazo Aberto de Upper Las Virgenes Canyon nas Simi Hills ao leste do condado de Ventura, preto da comunidade de West Hills.[1][4] En 2015, masas de ovos recollidos nas Simi Hills foron introducidos en dous ríos das Montañas de Santa Mónica. Atopáronse ras novas vivindo nesas localidades un ano máis tarde.[5]
R. draytonii é unha ra de tamaño mediano a grande de 4,4 a 14 cm. O dorso é marrón, gris, oliva ou avermellado, con pintas negras e manchas escuras irregulares de centro claro, e teñen grosos granulacións. Ten unha máscara escura con beiras abrancazadas sobre a mandíbula superior e pintas negras e vermellas ou amarelas nas inguas. A parte inferior do abdome e as partes inferiores das patas dianteiras son normalmente vermellas. O macho pode recoñecerse polas súas grandes patas traseiras, polgares e dedos palmados. As ras xuvenís teñen manchas dorsais máis pronunciadas e poden ter marcas amarelas en vez de vermellas na parte inferior das patas traseiras. Unha característica distintiva é o pregamento dorsolateral, visible a ambos os lados do animal, que se estende aproximadamente desde o ollo á cadeira. R. draytonii parécese moito a R. aurora.
Estímase que esta especie desapareceu do 70% da súa anterior área de distribución e agora só quedan poboacións en 256 ríos ou cuncas de drenaxe de 28 condados de California.[6] Porén, a especie é aínda común ao longo da costa e a maioría do declive observado das poboacións ten lugar en Sierra Nevada e sur de California. Esta ra é unha importante fonte de alimento para a subespecie de serpe en perigo Thamnophis sirtalis tetrataenia no condado de San Mateo.
A reprodución ten lugar de novembro a marzo ou ás veces máis cedo cara ao límite sur da súa área. A chamada de anuncio do macho é unha serie de pequenos gruñidos, emitidos xeralmente mentres nada baixo a auga. Os coros son febles e facilmente pasan desapercibidos. Esta especie adoita ser activa polo día e habita en zonas de vexetación de ribeira densa, arbustiva ou emerxente e en corpos de auga tranquilos ou de augas lentas perennes ou efémeros que tamén lle serven como sitios de reprodución.
Os cágados (larvas) desta especie poden metamorfizarse en ras nuns 7 meses despois da eclosión do ovo ou poden pasar todo o inverno sen empezar a metamorfose ata 13 meses despois da eclosión.[7] Este é un descubrimento recente, que pode ter implicacións para a xestión conservacionista da especie, especialmente cando os hábitats acuáticos sofren modificacións.
Esta ra está listada como ameazada e protexida polas leis californianas e as federais. A causa principal do declive da poboación é a perda de hábitat e a súa destrución, pero especies predadoras introducidas como Lithobates catesbeianus, poderían ser tamén un factor que inflúe negativamente.
Despois de varios anos de litixio iniciado polas organizacións para o desenvolvemento do territorio como a Home Builders Association of Northern California e a opinion dos científicos, o Servizo de Vida Silvestre e Pesca de EUA anunciou en abril de 2006 a designación duns 1800 km2 de hábitat crítico en California para a ra ameazada. Este hábitat protexido non indluía terras no condado de Calaveras, onde se situaba o relato curto de Mark Twain "The Celebrated Jumping Frog of Calaveras County" (A célebre ra saltarica do condado de Calaveras), que protagoniza esta especie.
En setembro de 2008, o Servizo de Vida Silvestre de EUA propuxo máis que triplicar o hábitat desta ra, citando manipulación política do anterior subsecretario adxunto Julie MacDonald no Departamento do Interior de Estados Unidos. Segundo Los Angeles Times, "o desenvolvemento e destrución de zonas húmidas eliminara as ras de máis do 70% da súa área histórica. MacDonald reducira o que quedaba da área de distribución da ra nun 82%."[8] O condado de San Mateo e o de Monterey parecían albergar algunhas das maiores e máis saudables poboacións desta especie, especialmente en zonas húmidas costeiras.[9][10]
En marzo de 2010, o Servizo de Vida Salvaxe e Pesca de EUA anunciou a protección de 6500 km2 para esta especie en California, o cal tivo consecuencias no desenvolvemento e uso de ditas terras.[1][11][12] As maiores poboacións da ra recibirán protección nunha zona de 48 acres no condado de Placer.[13]
Unha nova lei designou a ra R. draytonii como "anfibio do estado" de California. Actualmente está suxeita a protección por leis federais e estatais aprobadas en 1996. Aínda que a designación oficial como anfibio do estado non proporciona de seu protección legal como especie ameazada, serviu para salientar a importancia dos lugares de California onde vive para a súa protección.[14]
Rana draytonii é unha especie de ra que se encontra en California (EUA) e norte de Baixa California (México). Anteriormente era considerada unha subespecie da Rana aurora e recibía o nome de Rana aurora draytonii, pero posterioremnte foi separada na súa especie propia. A IUCN considéraa unha especie vulnerable e está na lista federal de especies ameazadas de Estados Unidos, onde está protexida pola lei.